Varelillas e Cruces, estimada familia...
Teño un puzzle que quen montar e non podo facelo sen vós. Estas son as primeiras pezas que recibín:
FOTOS - FAMILIA - ESCOLA - HISTORIA
De que vai esto? Se tedes un pouco de tempo poñovos en situación.
Remataba Outubro.
Acudín a un local un poco apartado do centro, deses nos que se escoita jazz de fondo e son difíciles de atopar se un lle pregunta ao porteiro como chegar. Esperaba encontrar alí ao meu contacto. Precisaba instruccións. Sabía que soía deixarse caer por aquel lugar os xoves á tarde. Non ía ter problema para recoñecelo. Levaba xa tres anos a voltas con este caso e tiñalle visto a cara unhas cantas veces dende o comezo. Un tipo pequeno, pero consciente do seu poder. Deses que utilizan escaleiras do Ikea para alcanzar os libros.
Ao cruzar a porta diviseno ao fondo. Ao tempo que me quitaba o sombreiro fixeime en que non había nin unha mísera cervexa enriba a mesa. Sobriedade, ese era o seu estilo. De primeiras costoulle recoñecerme. De certo, creo que tiña esquencido o asunto. Tras un intercambios de saúdos, púxeno ao día de como estaba a situación. Arranxamos as cuestións principais e logo entrou de cheo no tema. Parecía non telo moi claro, pero finalmente decidiuse:
- Vai ser mellor que te centres nas fotos. Precisamos as de toda a familia. Tes que conseguir unha imaxe completa do entramado histórico-educativo por medio deles. Veremos se así sacas algo en claro desto. E recorda: Este traballo é imprescindible para aprobar a asignatura.
Despedínme, volvín a poñer o gorro e saín do despacho do meu profesor de Historia da Educación Social.
Polo menos desta vez semellaba sinxelo. Tan so tiña que conseguir fotos vosas na escola e que me deixarades facervos unhas cantas preguntas. Nada de mover fios para conseguir entrevistas nin de investigar institucións sen aparente rastro documental. Fiu! Puiden secar as gota de suor da fronte e respirar tranquila.
O encargo pódese resumir en "refacer a miña arbre xenealóxica educativa". Partindo das fotos da escola de todos nós, teño que investigar a historia da familia nela. Sospeito que a intención do meu profesor é que de paso coñeza un pouco mellor e de primeira man todo eso que contan as expertas nos seus arrorrós teóricos.
Así que, FAMILIA , volvendo ao meu puzzle, so vos me podedes proporcionar as pezas que me faltan: as vosas fotos e os vosos recordos.
Que vos pido?
Xa sabedes que a universidad fixo de min unha pedichona e desta vez me gustaría que buceásedes nos vosos albums de fotos e rescatásedes para min:
- 1 ou 2 FOTOS (se queredes máis tamén) nas que esteades na escola ou facendo algunha actividade relacionada (excursións, retiros espirituais, folgas, asambleas...).
- Algúns RECORDOS que as acompañen e que poidades confiarme mentres vos invito a un café.
Que? Dispostas para o meu convite? Ofrezo café turco e "batallitas macedonias" a cambio das vosas historias.
Un bico por meixela,
Pulga INÉS
No hay comentarios:
Publicar un comentario